miércoles, 28 de abril de 2010

A teoría do Colón Galego

-Como sabemos que Colón non é genovés?
-De onde sacamos que Colón é galego?
-Por que cremos ter máis razón que quenes sosteñen que Colón é catalán, francés, mallorquino, portugués ou de calquera outro lugar?
-Quen foi Pedro Madruga e por que afirmamos que Colón é Pedro Madruga?
Colón non falaba nin escribía en italiano nin en ningunha das linguas ou dialectos que se falaban por aqueles tempos en Italia. Cando escribía unha carta dirixida a un italiano facíao nun castelán ateigado de xiros galegos. Incluso nas súas cartas aos seus irmáns, supostamente italianos como el, utilizaba invariablemente ese castelán sospeitosamente galego. O seu apelido non existía en ningún outro lugar do mundo, soamente en Galicia, e expresamente nun lugar de Poio (Pontevedra), chamado Porto Santo. Alí vivían no S. XV varios membros dunha pequena familia que mantiña unha residencia estable ao longo de varias xeracións. Non era en absoluto despeiteado entón pensar que a esa familia pertencese Cristóbal Colón. Era unha familia de navegantes, o que explicaría esas palabras e expresións galegas coas que o descubridor trufaba o seu castelán.
A todo iso sumábase un anterior traballo, realizado polo propio García de la Riega, en que demostraba que a nao “Santa María” chamábase orixinalmente “A Galega” e fora construída nos estaleiros de Pontevedra.
Algúns dos nomes utilizados por Colón para bautizar lugares descubertos por el en América coincidían con lugares relacionados cos Colón de Galicia e coas costas das Rías Baixas galegas. A lista de nomes impostos por Colón aumentaba en progresión xeométrica, e aínda hoxe segue dando os seus froitos. Porto Santo (Poio), en honor ao seu lugar de nNegritaacemento, San Xoán (Poio), San Salvador (Poio), Lanzada..., ata acadar unha lista de cen nomes, todos eles situados nun raio de 40 ou 50 quilómetros arredor de Pontevedra. Tamén estaban reflectidos os nomes de todas as confrarías de navegantes de Pontevedra, das súas igrexas. Algúns deses cen nomes pertencen ademais a lugares das costas galegas que nin sequera eran coñecidos popularmente, pois son propios de accidentes soamente coñecidos polos mariñeiros e que foron chegando grazas ao estudo de antigos derroteros marítimos.
-Como alguén que non coñecía as costas galegas podía utilizar cen dos seus nomes para bautizar outros tantos lugares en América?
Soubose tamén por textos e documentos da época que dúas naves máis, utilizadas por Colón no seu segundo e na súa cuarta viaxe, chamábanse tamén “A Galega”, nome imposto igualmente a unha illa.
-Como era posible que antes de descubrir América Colón tivese acceso case ilimitado aos palacios dos reis máis poderosos da terra?
Soamente cabía unha resposta: Colón era pola súa parte un nobre, pois doutra maneira ese acceso ao poder estaríalle vetado. Ninguén que non fora nobre no século XV se sentaba a comer á mesa dun conde. Os nobres soamente se codeaban con nobres.
Dous investigadores, chegan a unha arriscada e innovadora conclusión: Colón era en realidade Pedro Álvarez de Sotomayor, conde de Camiña (Portugal), coñecido como Pedro Madruga. O conde de Camiña era fillo bastardo do Señor de Sotomayor, Fernán Yáñez de Sotomayor. Foi o máis famoso e poderoso membro da nobreza galega do seu tempo. Pedro Madruga fora criado pola súa nai, Constanza Colón, ata que, no seu testamento, Fernán Yáñez, o pai, dispón integraro como membro da familia, co que adopta o apelido Sotomayor e despréndese do Colón, que retomaría anos despois. Resultou que Pedro Madruga encaixaba perfectamente no novo perfil do descubridor e, ademais, toda súa a vida coincidía cronolóxicamente cos poucos datos coñecidos sobre a etapa escura de Colón.
Pedro Madruga dáse por desaparecido no mesmo lugar e na mesma data en que Colón ten a súa primeira entrevista cos Reis Católicos e a enigmática sinatura do Almirante de Indias, composta por unha serie de siglas, coincide exactamente coas letras que conforman a árbore xenealóxica de Pedro Madruga.
Os motivos polos que tanto Colón como os Reis decidiran ocultar a súa anterior identidade estaban claros. Os reis non podían nomear Almirante e vicerrei ao seu maior inimigo, pero doutra banda, só el, Pedro Madruga, estaba en condicións de ofrecerlles o descubrimento, pois contaba con planos e información procedente de Portugal, o verdadeiro país dos descubrimentos naquelas datas.